Poio concentra o seu Entroido en dezasete días

POIO> Polémica en Poio polos cambios introducidos para as celebracións do Entroido deste 2019. Dende o Partido Popular acusan ao goberno local de decidir unilateralmente eliminar a saída de Campelo do desfile. A edil de festas, pola súa banda, defende que a medida foi aprobada por unanimidade no encontro mantido o pasado venres con nove dos colectivos implicados na festa.

Os cambios na programación do Entroido de Poio para este ano foron aprobados por unanimidade nun encontro mantido o pasado venres con varios colectivos implicados. Así o asegurou a edil de Festas do concello.

Lidia Salgueiro saíu ao paso das críticas do Partido Popular, que acusaba ao executivo local de falta de respecto do goberno aos veciños de Campelo por eliminar a saída do desfile do Entroido do lugar. A proposta municipal é repetir o percorrido que xa empregaron na cabalgata de Reis por motivos de seguridade.

Salgueiro recoñeceu que dende Campelo xa manifestaran a súa oposición ao cambio, que finalmente foi respaldado polo resto de colectivos. Para compensar á parroquia, acordouse que Campelo acollerá unha gran festa de benvida do Entriodo para presentar o Galo Fodorico.

O desfile central celebrarase o domingo 3 de marzo ao longo da PO-308, mentres que o enterro do Galo Fodorico servirá como broche final ás festas. A programación desenvolverase do 1 ao 17 de febreiro, concentrando as datas máis relevantes para acurtar a duración.