A oferta náutica galega faise atractiva en Irlanda da man de Portos

A oferta náutica galega faise atractiva en Irlanda da man de Portos

GALICIA> A oferta náutica galega apunta a conquistar o mercado irlandés. Unha delegación de Portos de Galicia percorreu a semana pasada diferentes entidades do país, para presentar as posibilidades que ofrecen os recursos náuticos da comunidade. Non en van, xa son moitos os cruceiristas irlandeses que escollen as costas galegas como parada nas súas viaxes.

A promoción da oferta náutica galega levou a semana pasada a Portos de Galicia ata Irlanda. A delegación desenvolveu unha apretada axenda, que arrincou cunha reunión en Tourespaña en Dublín para analizar o potencial do mercado náutico con touroperadores. A seguinte parada foi o Royal Irish Yacht Club.

A acción promocional de Portos de Galicia tamén levou á delegación a dous importantes puntos da náutica irlandesa: o Royal Cork Yacht Club, o máis antigo do mundo, e o Kinsale Yacht Club.

Segundo explican dende Portos, o irlandés é un mercado importante e esixente, no que Galicia xa ten gañado un pequeno espacio entre os cruceiristas. Así as cousas, a intención do ente autonómico é conseguir que a súa presenza siga medrando.

Dende Portos non desbotan empregar o vindeiro Ano Xacobeo 2021 como reclamo. De feito, xa mantiveron os primeiros contactos para organizar unha travesía náutica para conmemoralo.

A axenda en Irlanda completouse con outras accións, como o encontro que mantiveron no Cork Institute.