BARBANZA> Co apoio de 17 deputados dos 31 dos que dispón a Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, foi reelixido este mediodía coma presidente do organismo provincial. Será o seu terceiro mandato consecutivo á fronte desta Administración, constituíndo así outro feito histórico, pois ata o de agora nunca se dera.
No seu discurso González Formoso aludiu á enorme responsabilidade que supón este feito, que se une á idea de seguir construíndo unha provincia máis forte.
Na súa intervención referiuse á necesidade de levar adiante a mellor política, baseada no respecto e no diálogo, fronte á confrontación permanente, os vetos e as posicións dogmáticas.
González Formoso tivo tamén tempo de repasar os seus logros nestes dous últimos mandatos, que permitiron facer unha Deputación máis moderna, eficaz e útil a través de programas coma o Plan único ou o Plan de Emprego Local, ou a forte aposta polas políticas sociais.
De cara ó futuro, marcouse tamén varios obxectivos, por unha banda vencer o reto poboacional e demográfico, e pola outra, seguir avanzando na descentralización da Administración para devolverlle protagonismo ó rural.