As reformas válenlle á protectora de Vilagarcía a declaración de núcleo zoolóxico

VILAGARCÍA> O refuxio de animais de Vilagarcía xa conta coa declaración de núcleo zoolóxico. O concello tivo que levar a cabo varias actuacións nas instalacións de Pinar do Rei para conseguir esta consideración e adaptarse así á nova lei. Na actualidade, a protectora conta con preto de 300 animais baixo a súa tutela.

O refuxio de animais de Vilagarcía xa se adapta ao 100% á nova normativa autonómica. Trala realización de varias obras, conseguiu a declaración de núcleo zoolóxico, axustándose á nova lei.

O concello encargouse de realizar as obras, que contaron cun orzamento de case 5.000 euros. Esta achega súmase á que fará efectiva o goberno local no marco do convenio coa asociación que xestiona o refuxio, que asinaron tamén esta mañá.

Estes cartos axudarán á protectora a seguir adiante co seu labor. Na actualidade teñen a preto de 200 cans e 100 gatos baixo a súa tutela. E é que as adopcións non compensan o número de animais recollidos.

Nestes tres anos de goberno, o executivo de Albero Varela realizou varias actuacións no refuxio, como dotalo de subministro eléctrico e dun vehículo adaptado. Tamén destacan as campañas de control de gatos da rúa, que xa permitiron a esterilización duns 400 felinos.