“Galaicos” divulgará o patrimonio arqueolóxico de Pontevedra por toda España

Pontevedra> A Exposición “Galaicos, un pobo entre dous mundos” promocionará o patrimonio arqueolóxico de Pontevedra por todo o Estado. A mostra itinerante levará a Madrid, Valencia ou Barcelona unha representación da cultura galaica dende a Idade de Bronce ata a Antigüidade tardía, co fin de por en valor os xacementos galaico-romanos da provincia.

“Galaicos, un pobo entre dous mundos” pretende converterse en referencia no que se refire á promoción do patrimonio histórico e cultural, nun momento en que a Unión Europea está a animar ás administracións a promover proxectos deste tipo con motivo do Ano Europeo do Patrimonio.

A mostra repasará máis de 2.000 anos da historia de Galicia e ofrecerá as claves de interpretación dos xacementos escavados nos últimos anos, coa intención de divulgar a nosa arqueoloxía e estimular a visita á provincia no marco de ofertas de turismo cultural.

A presidenta da deputación destacou que actuacións coma esta permiten desestacionalizar a demanda, captar novos turistas potenciais e revalorizar o turismo de calidade; ademais de recuperar os espazos patrimoniais como espazos sociais, creando postos de traballo relacionados co turismo e a cultura.

A exposición, composta por entre 60 e 70 pezas e dotada con recursos de carácter didáctico e audiovisuais, arrincará a finais deste ano en Madrid, no Museo Arqueolóxico Nacional, e dende alí partirá, entre o 2019 e o 2020, cara ó Museo de Prehistoria de Valencia, o Museo Nacional d´Arqueología de Catalunya e o Museo de Pontevedra. En cada unha destas cidades, a mostra manterase entre 4 e 6 meses.