Pontevedreses do ano premia ós persoeiros destacados do 2017

Pontevedra> O Auditorio de Afundación acolleu a entrega dos premios Pontevedreses do ano. Ó acto asistiron a presidenta do Congreso dos Deputados e o presidente da Xunta de Galicia, entre outras autoridades. O evento premia a persoeiros da cidade vencellados coa cultura, a empresa, a universidade, a labor social e o deporte.

O Diario de Pontevedra outorgou un ano máis os premios Pontevedreses do ano, cos que recoñeceu ós persoeiros destacados no 2017, nun acto celebrado no Auditorio de Afundación ó que asistiron numerosas autoridades. Entre elas, a presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, quen destacou o papel daquelas persoas que, coma os galardoados, fan da sociedade un lugar de liberdade para defender as ideas propias.

Neste acto tamén estiveron presentes a presidenta da deputación, a tenente de alcalde de Pontevedra, directivos de Abanca e Ence, empresas patrocinadoras, e o presidente da Xunta de Galicia, quen destacou que Pontevedra é prolífica en valores cívicos e fixo fincapé en que a excelencia é unha característica habitual na nosa comunidade.

Nesta edición, o premio pontevedrés de Honra foi para Carlos Valle Pérez, director do Museo de Pontevedra, o premio á labor social recoñeceu á Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer AFAPO, o de Deporte foi para o Poio Pescamar de fútbol Sala, o de universidade e investigación recaeu na Facultade de Belas Artes, na categoría de Empresa foi recoñecida Marfrío, e no eido da Cultura resultou galardoada Beatriz Hernánz Angulo.