CAMBADOS> Cambados dá un salto no seu Videa Fest. A proposta que naceu ao amparo da Cidade Europea do Viño volve este ano coa súa combinación de música, cine, gastronomía e, por suposto viño. O programa desenvolverase durante catro días a finais de xuño, e desta volta a entrada terá un custo de 8 euros.
O Videa Fest sobrevive a Cidade Europea do Viño. A proposta que nacera ao abeiro deste nomeamento repite este ano cunha fórmula que resultou exitosa: a mestura de música, cine, gastronomía e, por suposto, viño.
Hai novidades respecto do ano pasado. O programa concentrarase en catro días, entre o 28 e o 30 de xuño e o 1 de xullo. Tamén a entrada será de pago, cun custo de 8 euros. Un xeito de poñer en valor a actividade.
O programa arrincará o día 28 en Pazo Baión, coa actuación de Gonzalo Arca e a proxección da película “Un paseo polas nubes”. O formato será similar nas citas dos seguintes días en Terras de Lantaño e Lagar de Costa. Despedirase o 1 de xullo cunha sesión vermú na Fundación Manolo Paz e o concerto de Cómplices. Todas as xornadas acompañaranse coa degustación de produtos de primeira calidade e, por suposto, viños das adegas anfitrioas.
As entradas poden mercarse na web videafest.com ou na Oficina de Turismo de Cambados.