O fútbol tende pontes entre Cambados e Angola

CAMBADOS> Xogadores do AFA Luanda volven estar estes días por Cambados. Os deportistas deste equipo infantil de fútbol angoleño agardan na vila a celebración do Arosa Fútbol 7, e aproveitan o seu paso pola vila para coñecer os costumes e a cultura galega. Hoxe foron recibidos polo concello, acompañados do seu adestrador cambadés, Blas Charlín.

Un grupo de nenos angoleños descobren estes días a cultura e a vida de Cambados. Son os xogadores do equipo infantil de fútbol AFA Luanda, que fixaron na vila a súa base de operacións.

Blas Charlín é o impulsor deste intercambio que xa vai pola súa terceira edición. O cambadés adestra aos rapaces en Angola no marco dun proxecto que traballa con nenos de entornos con dificultades.

Para os pequenos, esta é unha oportunidade de coñecer xeitos de vida moi diferentes aos seus, atopando no deporte unha vía de escape.