O grupo Tastarabás arranca este domingo a XI Mostra de Teatro Afeccionado de Lousame

LOUSAME> O grupo municipal de teatro de Lousame, Tastarabás Teatro, será o encargado de inaugurar este próximo domingo, 9 de novembro, a XI Mostra de Teatro Afeccionado Concello de Lousame. A compañía dirixida por Gustavo G. Dieste porá en escena “Sopa… de radio”. A actuación terá lugar ás 19:00 horas, na Casa da Cultura de Lousame. A entrada é libre e gratuíta. A concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, destacou o traballo que están a levar a cabo os integrantes de Tastarabás Teatro, animando ós veciños a achegarse ese día ata a casa da cultura para disfrutar coa obra. A XI Mostra de Teatro Afeccionado Concello de Lousame está organizada pola concellería de Cultura, en colaboración coa asociación cultural Xuventude de Cruído e coa asociación cultural Toxos e Carrouchas. Este ano reunirá a cinco compañías: Tastarabás Teatro (Lousame), Teatro da Falúa (Universidade de Santiago de Compostela), Teatro do Improvisto (Boiro), Brandomin Teatro (Pobra do Caramiñal) e Teatro Mutis (Noia). As actuacións, que están dirixidas para todos os públicos, terán lugar durante os próximos cinco domingos, coa excepción da actuación de Teatro da Falúa que está programada para o sábado 15 de novembro.