A serie ‘Vivir sin permiso’ volve a Arousa na procura de figurantes con talento

VILAGARCÍA> A serie “Vivir sin permiso” busca novos figurantes en Arousa para a súa segunda temporada. A pesar de que aínda non estrearon a primeira, a ficción quenta motores para a rodaxe de novos capítulos. As gravacións arrancarán en xullo en varias localizacións da comarca. Hoxe celebrouse un cásting no auditorio de Vilagarcía para seleccionar posibles figurantes. Mañá, as probas terán lugar na Illa de Arousa.

Durante todo o día o Auditorio de Vilagarcía foi un ir e vir de xente, ansiosa por consegui-lo seu minuto de gloria na pequena pantalla. Homes, pero sobre todo mulleres, acudiron á chamada da serie “Vivir sin permiso”, que prepara xa a súa segunda temporada. A ficción aínda non se estreou, pero os seus responsables confían no seu éxito, tanto que volverá á Arousa, onde foi gravada integramente, para continuar coa rodaxe.

A serie está baseada na novela de Manuel Rivas “Todo é silencio”. Está ambientada no mundo do narcotráfico nos anos 80, pero centrada nas relacións persoas dos seus protagonistas. Algúns dos que hoxe aspiraban a conseguir un papel xa eran vellos coñecidos da produción, participando como figurantes xa na primeira temporada.

Outros incluso chegan doutras series de éxito. Como esta muller que participou  na rodaxe de Fariña, en concreto na escena da voda de Oubiña con Esther Lago. A rodaxe da segunda temporada de “Vivir sin permiso” arrancará, previsiblemente, a comezos de xullo en diversos puntos da comarca arousá. Os castings de figuración, por certo, aínda están abertos: as probas trasladaranse mañá ó Auditorio da Illa de Arousa.