RIBEIRA> A cita deportiva, coa finalidade de dar visibilidade ó colectivo de persoas con diversidade funcional, terá lugar o domingo oito de xullo. A explanada de Coroso en Ribeira será escenario o próximo 8 de xullo da cuarta edición da carreira pola diversidade de Ambar. O éxito de edicións anteriores, cunha participación dunhas 150 persoas na categoría absoluta, ás que hai que sumarlle tamén os máis pequenos, é unha das razón que levan ó colectivo a volver organizala. A cita deportiva, que dará comezo a partir das once da mañá, reunirá en Ribeira a corredores que poderán competir en catro modalidades: zapatilla, zapatilla inclusiva, cadeira de atletismo ou handbike. O prezo da inscrición é de cinco euros e pode realizarse ata o cinco de xullo a través da páxina de Galitiming. Aqueles que desexen aportar o seu gran de área pero non poidan asistir á carreira tamén poden colaborar coa compra do dorsal cero, aportando unha cota solidaria. Aínda que se trata dunha cita deportiva, o aspecto competitivo non será o máis importante, senón que o obxectivo será novamente darlle visibilidade ó colectivo de persoas con diversidade funcional. Por iso ó remate da carreira como é costume terá lugar unha festa da romaría da diversidade en Coroso.
Inicio BARBANZA