BARBANZA> A asociación de persoas con discapacidade AMICOS irrompe na campaña electoral facendo chegar as súas propostas ós distintos partidos. A maioría delas céntranse na mellora da atención á discapacidade e dos servizos sociais.
A recente reforma da Lei de Réxime Electoral permitiu que as persoas con discapacidade intelectual recuperaran o seu dereito a voto. Moitos deles xa o puideron exercer nas eleccións xerais do pasado 28 de abril e volverán a repetilo dentro dunha semana nas eleccións municipais. Dende algúns colectivos do Barbanza que dan servizo ás persoas con diversidade funcional, como é o caso de AMICOS, levan traballando dende hai varias semanas na recollida de propostas por parte de usuarios e tamén dos seus familiares, para trasladarllas ós distintos partidos políticos. O obxectivo é que teñan en conta as súas demandas nos seus programas electorais, centradas nas necesidades que presenta a comarca en materia de discapacidade.
Destacan entre outras as solicitudes de atención médica ou de enfermería no propio centro que a entidade ten en Comoxo para evitar o desprazamento dos grandes dependentes. Tamén propoñen que os espazos públicos se adapten ás necesidades cognitivas das persoas con discapacidade coa instalación de pictogramas ou outros métodos que as fagan máis accesibles, así como tamén maiores oportunidades á hora de acceder ó emprego e unha presenza máis ampla da discapacidade na vida política.