A POBRA> O folclore e a tradición serán os protagonistas da segunda edición do magosto de Arrancadeira que se celebra este sábado na Pobra. Ademais dunha foliada popular e degustación de castañas e outros produtos gastronómicos, a xornada contará cos concertos de Río de Anxo e Cántigas e Frores de Lugo.
A Pobra celebrará este sábado unha das tradicións máis arraigadas na nosa cultura. O segundo magosto popular, organizado pola asociación cultural Arrancadeira, encherá de música, baile e folclore a praza Alcalde Segundo Durán a partir das seis da tarde deste sábado.
A xornada comezará cun obradoiro de baile a cargo do profesor Alejandro Martínez. A continuación haberá unha foliada con grupos da zona e a partir das nove e media darán comezo os concertos a cargo de dous grupos convidados.
Durante toda a tarde serviranse castañas, bebidas, chocolate con rosca e bocadillos a prezos populares. Poderanse tamén mercar rifas para os sorteos que se celebrarán ó final da xornada nos que están en xogo unha cesta con produtos variados, unha cea e unha noite de hotel.