O comercio de Ribeira celebra a Semana do Viamare Dorneiro

RIBEIRA> A Asociación de Empresarios de Ribeira colaborará coa confraría da Dorna na organización da Primeira Semana do Viamare Dorneiro. Máis de cincuenta establecementos participarán nesta campaña na que os clientes entrarán nos sorteos de diversos premios doados pola Real e Ilustre Confraría da Dorna. Os clientes que realicen as súas compras no comercio local de Ribeira, entre o dezaseis e o vinte e catro de xullo, optarán a numerosos premios no marco da Semana do Viamar4e Dorneiro. Ademais de packs dorneiros así como ás últimas unidades das sudadeiras dorneiras, entrarán no sorteo de varias ceas e invitacións ó baile de gala. Durante toda a semana engalanaranse ademais as rúas e comercios con detalles dorneiros e desenvolveranse diferentes actividades complementarias. Esta non é a única campaña da asociación de empresarios de Ribeira que este mesmo sábado desenvolverá unha nova edición de Tendas á Rúa.