Cambados peonalizará a rúa Isabel II as fins de semana do verán

CAMBADOS> Cambados continúa reordenando o tráfico en diferentes puntos da vila. Desta volta, o concello prohibirá o paso dos coches pola rúa Isabel II durante as fins de semana. A medida só se aplicará nos meses de xullo e agosto, e parte da iniciativa dos hostaleiros da zona.

As fins de semana de xullo e agosto, os coches non poderán circular pola rúa Isabel II, en pleno centro de Cambados. Así o vén de decidir o concello.

Segundo José Ramón Abal, esta medida foi consensuada cos hostaleiros da zona. Incluso foron eles os que deron o paso de solicitar ao goberno local esta limitación á circulación. Un xeito de garantir a seguridade viaria neste entorno do casco urbano.

Esta reordenación súmase a outras xa postas en marcha polo concello nesta lexislatura. Unha que entrará en vigor o vindeiro 29 de xuño será o peche a peonalización da Praza de Fefiñáns e do seu entorno durante os meses de verán. José Ramón Abal confía na aceptación, aínda que dende a asociación de comerciantes Zona Centro xa expresaron a súa oposición.

Os comerciantes explicaron que solicitarán un encontro con Abal Varela para abordar esta medida. Unha petición que, segundo o propio edil, aínda non se rexistrou no concello.