O BNG reclama ao concello explicacións pola contratación da feira de Portonovo

SANXENXO> O BNG de Sanxenxo pide explicacións ao goberno local sobre a contratación da feira multisectorial de Portonovo. Os nacionalistas ven incongruencias durante o procedemento, e advirten que non existen as melloras técnicas e estéticas incluídas no proxecto da empresa adxudicataria e anunciadas polo concello. Tamén apuntan que a elección foi a máis barata, reducindo así os ingresos para a empresa pública Ínsula Sanxenxo.

O BNG de Sanxenxo pide explicacións ao concello sobre a contratación da feira multisectorial de Portonovo. Os nacionalistas non entenden os criterios que se seguiron no procedemento, e non ven cumpridas as melloras que propoñía a empresa adxudicataria na súa oferta.

Nesta listaxe de melloras, recollíase a instalación dunha celosía para dar acubillo aos postos. Finalmente, este equipamento cobraríase a parte, e terían que sufragalo os vendedores.

Tampouco a cuestión económica xustifica esta decisión. Segundo denuncia o BNG, o goberno local adxudicou a contratación da feira á empresa máis barata, pasando dos 245 mil euros de 2016 aos 125 mil actuais. Reducindo os ingresos da compañía pública Ínsula Sanxenxo.

Por iso reclaman ao concello que dea explicacións ante unha situación que, aseguran, non debería permitirse.

Resposta do concello

Esta denuncia do BNG tivo resposta dende o goberno. En nota de prensa, o executivo cualifica de “rabieta” a protesta dos nacionalistas. Dende o concello cren que o enfado do partido deriva do adelanto de 15 días da feira multisectorial de Portonovo e de que se prolongue ata os tres meses de duración. Aseguran que isto foi posible grazas a que o prego de condicións foi elaborado con meses de antelación; situación que contrapoñen coa que se atoparon á chegada ao goberno de Partido Popular e SAL. Explican que a día 1 de xuño de 2017 non existía ningún prego nin se contaba coa autorización de Costas, e sinalan ao nacionalista David Otero como responsable pola súa falta de xestión. O executivo de Telmo Martín nega, ademais, que a empresa adxudicataria pida cartos aos vendedores para a instalación da pérgola. Algo que demostran, explican, dous escritos presentados no rexistro municipal.