Miles de moteiros acudirán a Poio esta fin de semana

Pontevedra> O Casal de Ferreirós acolleu esta mañá a presentación da novena concentración de motos “A rosa dos ventos”, que terá lugar esta fin de semana no concello de Poio. Diferentes rutas, actuacións e actividades congregarán a miles de moteiros.

Esta fin de semana terá lugar en Poio a novena edición da concentración moteira que organiza o motoclube “A rosa dos ventos”. As distintas actividades programadas reunirán, segundo estimación da organización, a máis de 8.000 persoas.

O programa arrinca o venres día 6 de xullo, ás 19:00 horas, coa apertura das instalacións e coa inscrición e despacho de billetes. Despois  dunha rolda de “xogos moteiros”, arrincará a ruta dos fachos, prevista para as 23:00 horas, que discorrerá polo concello en honra dos que xa non están.

A noite do venres pecharase cos concertos de rock a cargo de “Watch McKánijan & The Outsiders” e o grupo “IX Voltios”.

O sábado pola tarde, a partir das 5 e media, un paseo moteiro recorrerá tódalas parroquias do concello. Ás 6 e media haberá de novo xogos e concursos, e unha degustación de mexillóns na carpa instalada na Seca. Ás 8 será o primeiro pase do espectáculo “stunt” a cargo de Anys, Corredoira 89 e Edu Rodríguez.

Despois da cea, haberá unha entrega de trofeos e acenderanse queimadas tradicionais. Á media noite, farase un segundo pase de “stunt” e seguidamente será a quenda da disco móbil, con gogós e agasallos.

O domingo, ás once da mañá, partirá a última ruta moteira, que chegará ata Redondela. Á volta, terá lugar o xantar co que se pecharán as actividades.