O Camiño Portugués aumentou o número de usuarios un 15% na primeira metade do ano

Pontevedra> O tramo do Camiño portugués que transcorre pola provincia de Pontevedra aumentou os seus usuarios nun 15% no primeiro semestre do ano. Así se constatou na reunión trimestral da Mesa do Camiño celebrada esta mañá na Deputación. Nesta xuntanza falouse tamén das obras de mellora de infraestruturas previstas en materia de mobilidade e seguridade peonil.

A Mesa do Camiño celebrou esta mañá a súa reunión trimestral para a posta en común das accións relacionadas cos tramos do Camiño de Santiago que discorren pola provincia de Pontevedra.  A xuntanza iniciouse facendo balance dos usuarios do primeiro semestre do ano, que supuxeron un incremento dun 15% con respecto ó ano anterior.

Ante este aumento de peregrinos, e contando coa proximidade do vindeiro Xacobeo, que se celebrará no 2021, o presidente da asociación Amigos do Camiño Portugués, subliñou que hai que prepararse para a xestión deste incremento e que non derive en masificación e mala atención.

Na xuntanza, na que participaron o xerente do Xacobeo e os alcaldes dos concellos polos que discorre o Camiño Portugués, tamén se informou sobre as actuacións que a deputación vai acometer nos viais provinciais, co obxectivo principal de aumentar a seguridade peonil.

Ó respecto das melloras nas infraestruturas, Carmela Silva informou de que xa ten solicitado unha entrevista co novo delegado do Goberno en Galicia para que aquelas que dependen do goberno central estean en óptimas condicións de cara ó vindeiro Xacobeo.

Ademais das obras nas calzadas e vías peonís, intervirase tamén na sinalización. Con respecto a isto, a Xunta propón a unificación de criterios entre as distintas administracións, incluíndo as portuguesas, para que haxa unha sinalización única que facilite o camiño ós peregrinos.

Por último, na Mesa do Camiño tamén se fixo referencia á promoción desenvolvida tanto na feira FITUR como noutros eventos relacionados co turismo en Madrid, Córdoba, Porto ou Braga.