“O imaxinario do país” aúna fotografía e literatura galega actual

Pontevedra> O Pazo Provincial acolle ata o día 21 a mostra ‘O imaxinario do país. Letras de magnesio’. A exposición, inaugurada esta mañá, une fotografía e literatura galega actual, nun proxecto do autor Anxo Cabada, que se enmarca dentro do Ano da Lingua.

50 fotografías de autores e autoras da literatura actual galega realizadas polo autor Anxo Cabada, acompañadas por textos nos que os propios autores se autorretratan, conforman a exposición ‘O imaxinario do país. Letras de magnesio”, inaugurada hoxe no Pazo Provincial. A mostra, que forma parte da programación cultural do Ano da Lingua, pasará tamén por Vigo, Lalín, Cangas e Ponteareas, logo de estar en Pontevedra ata o vindeiro 21 de xullo.

No acto de apertura o deputado de Cultura e Lingua apuntou que os escritores e escritoras retratadas por Cabada supoñen un conxunto de autores de grande proxección, facendo fincapé na presencia de Premios Nacionais de Literatura Infantil e Xuvenil e na súa relevancia para a mocidade.

Pola súa banda, Anxo Cabada destacou que na súa concepción fotográfica sempre buscou imaxes “que desen que falar” e que por iso, logo de retratar xente do mar e de terra, decidiu combinar a fotografía e a literatura galega neste último proxecto.

O autor apostou neste traballo por manter unha relación “vis a vis” cos retratados, para acadar un clima de complicidade e un resultado “cociñado a lume lento” que se alonxara da inmediatez e o consumo rápido o que nos teñen acostumados os tempos actuais, nos que triunfan os “selfies”.

Neste proxecto, no que Anxo Cabada estivo traballando durante seis anos, inclúense imaxes e textos de persoas que faleceron recentemente, como é o caso de Agustín Fernández Paz, Xosé Neira Vilas, ou María do Carmo Kruckemberg, que foron lembrados no acto de inauguración.

Ramón Nicolás, prologista do catálogo da exposición  apuntou pola súa banda que a publicación é “un libro de compromiso coa lingua, coa linguaxe fotográfica, coa literatura e coa república das letras”.

O acto rematou coa lectura dos textos achegados á exposición por dous dos retratados, Ledicia Costas e Antonio García Teixeiro.