Ribadumia acende os fogóns para acoller unha nova edición da Festa do Polo Asado

RIBADUMIA>  Conta atrás en Ribadumia para a vixésimo quinta edición da Festa do Polo Asado. A cita gastronómica vaise celebra-lo vindeiro 22 de xullo. A organización conta con repeti-la boa acollida dos últimos anos… na pasada edición, por exemplo, repartíronse unhas 700 racións. Este ano, cun cambio de normativa sanitaria polo medio, a festa trae algunha novidade.

Ribadumia prepárase para saborea-lo mellor polo asado da volta. O vindeiro 22 de xullo terá lugar na carballeira da localidade a vixésimo quinta edición dunha festa que, este ano, trae novidades. Os cambios na normativa sanitaria levaron á organización a externaliza-la preparación dos pratos, para garantir un servizo de maior calidade.

O cambio tamén implica un maior custo para a organización. En consecuencia, a ración de polo tamén subiu o seu prezo. A parte positiva é que agora cada prato inclúe máis cantidade de polo acompañado, por suposto, de pan viño e refrescos.

A festa do Polo Asado de Ribadumia naceu hai agora 25 anos, como un encontro entre amigos. O evento foi pouco a pouco medrando ata acada-la súa dimensión actual. O ano pasado, por exemplo, repartíronse preto de 700 racións, cifra que dende a organización agardan repetir ou mesmo incrementar neste 2018.