Un grupo de catadores analiza en Ribadumia as potencialidades dos viños rosados galegos

RIBADUMIA> Por primeira vez a Estación de Viticultura e Enoloxía, en Ribadumia, acolleu unha cata de viños rosados. A EVEGA leva máis de dous anos estudando as potencialidades destes caldos. Os expertos cren que o este produto ten un nicho de mercado aínda por explotar.

As catas de caldos son algo habitual na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, situada en Ribadumia, pero a de hoxe tivo tintes un tanto especiais. E nunca mellor dito, porque a EVEGA acolleu, por vez primeira unha cata de rosados. Os seus expertos levan máis de dous anos estudando as variedades autóctonas galegas de rosados. O obxectivo: afondar nas potencialidades destes caldos de cara a obter un maior aproveitamento no mercado.

Os 10 viños obxecto de estudo proceden das cepas que a propia EVEGA ten en Leiro. Ó estar no mesmo lugar, a comparativa ten máis valor, porque o solo e os sistemas de condución son os mesmos. Agora, o traballo dos expertos catadores servirá para defini-las cualidades de cada unha das variedades.

Na cata participaron unha ducia de expertos, que co seu saber contribúen a defini-los carácteres de cada variedade. Todos os datos recollidos por eles serán analizados despois polos expertos da EVEGA, para seguir avanzando nas potencialidades que, polo de agora, agochan os viños rosados.