CAMBADOS> O Concello de Cambados mellora a instalación do alumeado público na parroquia de Oubiña. A actuación do goberno local centrouse na zona da Cereixeira, onde se instalou un novo cadro elécticro e se repuxeron luminarias e cableado.
O alumeado público supera os 30 anos en moitos puntos do rural cambadés. A súa antigüidade leva parella unha gran cantidade de avarías, entre lámpadas fundidas, rotas ou avariadas. De feito, no ano pasado houbo que atender 1.135 incidencias relacionadas co alumeado público do municipio.
Un deses puntos cun equipamento moi danado polo paso do tempo é este: o lugar da Cereixeira, na parroquia de Oubiña. Aquí, o executivo local levou a cabo varias tarefas de mellora, especialmente na estrada xeral, onde xa se produciron nos últimos anos varios accidentes. Neste treito, procedeuse á renovación de todo o cableado e a instalacións de novos farois. A maiores instalouse un novo cadro eléctrico.
Ese novo cadro eléctrico non só dá servizo a esta estrada, senón que dende el parten os alumeados públicos de varias vías da zona. A esta intervención hai que sumar un novo treito ata Tombo, no fondo da parroquia de Oubiña. Alí, o mal estado da instalación obriga ó concello a destinar unha partida duns 2.500 euros para renova-lo alumeado.
O executivo local tamén está a redactar un proxecto, para adicar outros 90.000 euros ó mantemenos do alumeado público, con cargo ó Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Esta actuación suporía melloras no rural, pero tamén no casco urbano onde, entre outras melloras, o goberno ten previsto intervir no Paseo da Calzada, onde os cadros eléctricos que dan servizo ás casetas do albariño se atopan presentan varias deficiencias.