O hipódromo de Campañó acollerá a X Gala Hípica Virxe Peregrina

Pontevedra> O alcalde de Pontevedra asinou esta mañá un convenio de colaboración entre o Concello e a Asociación Cabalar do Monte de Campañó para apoiar a organización da 10ª Gala Hípica que se celebrará o vindeiro 29 de xullo no hipódromo de Campañó.

A Gala Hípica Virxe Peregrina celebrará a súa décima edición o vindeiro día 29 de xullo no hipódromo de Campañó. O espazo hípico, único da provincia, acollerá o concurso morfolóxico de cabalos, eguas e poldros de Pura Raza Española e Pura Raza Árabe.

O concurso coincidirá con outra das actividades programadas para a xornada: unha ruta cabalar de 20 quilómetros que partirá ás 10 da mañá e que pasará por Castrove, Meis e Poio. Como novidade nesta edición, pola tarde, ás cinco e media, celebrarase unha xincana popular, na que se combinarán probas de destreza e velocidade e na que se premiará ós 5 primeiros clasificados.

A inscrición permanecerá aberta ata o vindeiro 27 de xullo. A organización prevé uns 70 participantes no concurso morfolóxico, ó que soen acudir cabalos que proveñen tanto do resto de Galicia coma de Portugal; tamén contan con arredor de 150 cabalos na ruta.

O concello contribuirá con 9.000 euros para a organización do evento. Dende a asociación Cabalar do Monte de Campañó lembraron que as instalacións do hipódromo se están a usar de maneira gratuíta tanto para adestrar coma para a realización das prácticas dos cursos de equitación.