PONTEVEDRA> Nace en Pontevedra LOITA. Unha plataforma que busca defender os intereses dos menores e das súas familias na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Tamara Campos é a súa voceira. Unha veciña de Monte Porreiro que se tivo que enfrontar ao Sergas para que lle permitira acceder ás sesións de fisioterapia no Hospital Provincial do seu bebé de oito meses. Xa solicitaron tamén unha reunión co xerente, José Flores, para trasladarlle as súas reclamacións.
A loita de Tamara Campos comezou cando no Hospital Provincial de Pontevedra non a deixaron acceder á sesión de fisioterapia do seu bebé de oito meses.
Dende entón, esta veciña de Monte Porreiro contabiliza ata unha quincena de reclamacións contra o Servizo Galego de Saúde.
As protestas deron os seus froitos e finalmente ela si puido acompañar ao seu pequeño nestas sesións. Pero despois de facer a súa denuncia pública foron moitas nais e pais as que se achegaron a ela nesta mesma situación.
Xuntos deron agora forma a LOITA. Unha plataforma cidadá que nace para defender os intereses dos menores e das súas familias na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. O seu obxectivo é guialas e apoialas á hora de reclamar os seus dereitos.
Tamara conta que tamén teñen solicitada unha reunión co xerente José Flores. Trasladaranlle cuestións como a situación das listas de agarda en atención temperá, a rapidez nas altas cando os cativos acadan os requisitos mínimos, a non substitución dos profesionais ou a prohibición de que os menores estean acompañados en diferentes situacións.
Este encontro aínda non ten data pero tanto Tamara como os membros da plataforma LOITA teñen claro que chegarán ata o final coas súas reclamacións.