Rueda reclámalle ó Goberno Central medidas de apoio para o sector conserveiro galego

BOIRO> Acompañado do conselleiro de Industria, e demais autoridades, e da man do presidente do grupo Jealsa, Jesús Alonso, Alfonso Rueda tivo tempo de visitar as instalacións da conserveira asentada no Bodión.

O titular da Xunta destacou a aposta que fai o grupo por seguir asentada neste territorio, a pesar do seu carácter xa internacional, para seguir desenvolvendo o seu proxecto empresarial e seguir creando emprego e riqueza na Comunidade.

Rueda referiuse tamén á necesidade que teñen moitas empresas galegas como é Jealsa, que precisan estar preto da costa, para que conten coas garantías suficientes para poder desenvolver a súa actividade empresarial.

Rueda tamén fixo alusión ás ameazas que pesan sobre as empresas vinculadas á  industria do mar, tan importantes na nosa comunidade. Neste sentido pediu a rebaixa do IVE para os seus produtos, autorizando de paso a entrada da conserva galega no Perte Agroalimentario.

Tamén se referiu á necesidade de que se asine dunha vez un acordo comercial que protexa á conserva galega para que poida operar nos mercados internacionais en igualdade de condicións.

O presidente da Xunta reclamou tamén medidas por parte do Goberno central que acheguen viabilidade e competitividade á industria galega vinculada á coxeneración, pois segundo el, está en xogo o futuro de máis de 80 empresas estratéxicas en Galicia.