Flores e lembranzas no Día de Tódolos Santos para visitar aos que xa non están

221

CAMBADOS> Moitas flores e un constante ir e vir de xente. Na véspera do Día de Tódolos Santos toca poñer a punto o cemiterio e tamén, como non, mercar flores para lembrar ós nosos defuntos. Nós hoxe achegámonos ata o Mercado das Flores de Cambados para ver como van indo as vendas. Quen vende di que non ten queixa e quen merca salienta a ampla e variada oferta de produto. O mercado aínda estará aberto durante a mañá de mañá, 1 de novembro.

Mañá é o 1 de novembro, así que é o momento de lembrarse dos que xa non están. Toca ir ó cemiterio, adecenta-las tumbas e, por suposto, mercar flores.

As florerías son estes días un ir e vir de xente na procura dun ramiño ou un centro para acompaña-la súa visita ós camposantos.

Nalgunhas localidades da nosa contorna, organízanse dende hai varios anos Mercados das Flores, que condensan nun só punto a ampla e variada oferta do sector por estas datas. É o caso de Cambados que, por cuarto ano consecutivo aglutina no Salón Peña a máis dunha vintena de florerías. Entre o máis demandado, como manda a tradición, a rosa e o crisantemo. Os vendedores, polo de agora, satisfeitos coas vendas

E entre os que botan unha ollada, atopamos a moita xente coas mans cheas de flores. A diversidade de produto e os prezos xeitosos seduciron hoxe a moitos neste Mercado. A isto, segundo nos contan, hai que engadir o sentimento que se lle pon a estas compras de Defuntos.

E, como manda a tradición, entre os que compran atopamos a moitos curiosos que veñen mirar. O formato desta feira, que hai a quen lle lembra a unha exposición, atraeu ata ó Salón Peña a máis de un.

A feira botou a andar onte e prolongarase ata mañá ó mediodía.