Os orzamentos da Xunta volven deixar fóra o desdobramento da vía rápida do Grove

O SALNÉS/PONTEVEDRA> A Xunta incrementará no 2023 o seu investimento na cidade de Pontevedra. A partida para a Boa Vila aumenta en 11 millóns de euros, acadando os 88 millóns. Para a comarca do Salnés destinaranse algo máis de 35 millóns. Entre os concellos máis beneficiados atópase Cambados, pola reforma da depuradora de Tragove. Con todo, volven quedar fóra dos orzamentos  o desdobramento da vía rápida do Grove e a autovía Vilagarcía-Pontevedra.

A Xunta contempla no ano 2023 un investimento na cidade de Pontevedra de 88 millóns de euros. Trátase dun incremento de 11 millóns con respecto a este exercicio. A maioría deses fondos irán para o Gran Montecelo, en concreto, 64 millóns de euros.

Os orzamentos da Xunta do ano que vén destinarán á comarca do Salnés 35 millóns e medio de euros, sen contar plans específicos e outras liñas. A cantidade vai na liña dos últimos anos.

Dentro dos investimentos, salienta a partida destinada ao saneamento, para o que van 15 millóns de euros. Entre elas, a ampliación da depuradora de Tragove. Cambados, apunta o delegado da Xunta, é un dos municipios do Salnés que sae mellor parado nestas contas.

Para Vilagarcía vanse destinar 7 millóns de euros, cunha partida para o novo centro de saúde. Non é a única mellora en infraestruturas sanitarias que se contempla nos orzamentos.

O que volve quedar sen partida nos orzamentos da Xunta é o desdobre da vía rápida do Grove e a construción da Autovía Vilagarcía-Pontevedra. Aínda que recoñecen que ambas obras teñen unha alta demanda entre a poboación da zona.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí