200 menores saharauis pasan unhas “Vacacións en paz” en Pontevedra

Pontevedra> Esta mañá foron recibidos no Concello os menores saharauis acollidos en fogares da Boa Vila este verán. En total son 200 os rapaces e rapazas saharauis que conviven con familias da provincia de Pontevedra durante dous meses.

O verde da paisaxe galega é o que máis chama a atención dos pequenos saharauis que pasan o verán na nosa terra fuxindo dos 60 grados que se rexistran nos campamentos de Tinduf. Así nolo contan dende a organización de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, que coordina o acollemento de máis de 300 menores  por parte de familias galegas, 200 das  cales son da provincia de Pontevedra.

Os 8 nenos e nenas acollidos na Boa Vila visitaron esta mañá o Concello, onde foron recibidos pola alcaldesa en funcións Carme da Silva e a concelleira Anxos Riveiro.

As “Vacacións en paz”, como se denomina a este período de acollida, que abrangue os meses de xullo e agosto, permite ós cativos, de entre 9 e 12 anos, desfrutar doutra cultura, da paisaxe, e incluso da lingua. É o momento tamén para realizar as revisións sanitarias e sensibilizar sobre a situación política no Sáhara Occidental derivada da ocupación por parte de Marrocos.

A cifra de acollementos descendeu notablemente debido a crise, pasando dos 12.000 rapaces acollidos en Galicia no 2007 ós 4.500 que se reciben actualmente. Dende SOGAPS aproveitaron para facer un chamamento a aquelas familias que queiran participar no programa o vindeiro ano, co obxectivo de duplicar o número de acollementos no 2019. Poden anotarse a través do teléfono 986 26 26 37 ou en info@sogaps.org. Tamén se pode acudir ós servizos de Benestar Social dos concellos da Provincia.