Cesan á comisaria provincial en Pontevedra por dicir: ‘Xa lles gustaría a algunhas que as violara un antidisturbios’

PONTEVEDRA> Cese fulminante da comisaria xefa provincial da Policía Nacional de Pontevedra. Estíbaliz Palma foi destituida do seu cargo despois de que o xornal Eldiario.es fixera públicos un audios nos que aseguraba que “xa lles gustaría a algunhas que as violara un antidisturbios”. Palma estaba á fronte da comisaría pontevedresa dende o pasado 2018.

“Xa lles gustaría a algunhas que as violara un antidisturbios”. Estas son as palabras que lle valeron a Estíbaliz Palma o seu cese como comisaria xefa provincial da Policía Nacional de Pontevedra.

A Dirección Xeral da Policía tomou a decisión tras escoitar os audios publicados por Eldiario.es que recollen as palabras de Palma durante unha comida o pasado 11 de marzo en Vigo. Unha xuntanza na que se homenaxeaba a un axente da Unidade de Intervención Policial viguesa, máis coñecidos como antidisturbios, que participara nun operativo en Cataluña no 2019. Durante os disturbios contra a sentenza do ‘procés’ resultou ferido grave, deixándolle secuelas que o levaron á xubilación.

Agora ábrese un proceso para escoller ao seu sucesor. Estíbaliz Palma ocupaba o cargo dende o 7 de novembro do 2018, procedente de Pozuelo de Alarcón. Fora a primeira muller en ocupar unha praza de comisaria provincial en Galicia en toda a historia da Policía Nacional.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí