Os “Amig@s de Pontevedra” anuncian os premiados deste ano

Pontevedra> Cinco particulares e dúas entidades recibirán o vindeiro 11 de agosto os galardóns “Amigos de Pontevedra”. Tras 47 edicións distinguindo a persoas e entidades destacadas da cidade, os premios tense convertido en cita ineludible do verán pontevedrés.

Esta mañá o xurado dos Premios “Amigos de Pontevedra” anunciou os galardoados deste ano.  Con esta distinción preténdese premiar a persoas físicas e xurídicas que se destacaron ó longo da súa traxectoria vital e profesional na defensa da Boa Vila.

Nesta 47 edición, serán premiados Santiago Picallo Búa, pola súa  labor á fronte do Clube de Balonmán Cisne, especialmente no que se refire ó traballo coa base; o xornalista Eugenio Giráldez, pola súa traxectoria profesional, que o converteu na voz máis recoñecible de Pontevedra; Virginia Pozo Castro, fundadora de Cossy, por difundir a moda de Pontevedra por España e polo mundo; Mª del Carmen Martinez Rodríguez, pola súa labor investigadora no eido da viticultura, dentro da Misión Biolóxica de Galicia, centro de referencia a nivel internacional; e Teresa Orjales Vidal, pola súa ampla traxectoria no eido da representación diplomática. En canto ás institucións galardoadas, destacarase a actividade educativa do colexio Sagrado Corazón de Praceres e a aposta pola calidade e a localización da empresa Gráficas Anduriña, que emprega a medio centenar de persoas na comarca.

A entrega terá lugar o día 11 de agosto, sábado da Peregrina, no Pazo da Cultura de Pontevedra ás 15:30 horas, despois da sesión vermú e o xantar. As persoas que queiran asistir á comida homenaxe terán que mercar as invitacións canto antes, tendo como data límite o 9 de agosto. Pódense adquirir as tarxetas nos almacéns Clarita e Provenza, na praza da Ferrería, na cafetería Center nos Soportais, no Hotel Comercio e na cafetería Blanco y Negro.