POIO> Multitudinarias protestas en apoio ao pobo palestino ao paso da Vuelta Ciclista polas Rías Baixas. A etapa de hoxe acabou sendo cortada en Mos oito quilómetros antes da meta por mos das protestas. En Poio milleiros de persoas concentráronse na ponte da Barca, mentres que en Pontevedra a mobilización tivo lugar na zona da rúa Manuel del Palacio. Os manifestantes protestaron contra a participación de Israel, acusando á organización da Vuelta de branquear o xenodicio en Gaza. Ducias de axentes da Garda Civil blindaron o paso do pelotón por estas zonas para garantir a celebración da proba.
Centos de bandeiras de Palestina ondearon hoxe en Poio e Pontevedra ao paso da Vuelta Ciclista a España polas Rías Baixas. Milleiros de persoas acudiron á chamada para amosar o seu rexeitamento á participación do equipo de Israel nesta proba e denunciar o xenocidio do estado hebreo a Gaza…
Consignas como estas foron constantes dende moito antes de que pasase o pelotón pola ponte da Barca, pouco despois da unha e cuarto do mediodía. Este foi o punto de encontro dos manifestantes, que xa comezaban a congregarse nesta zona pasadas as once e media. Aseguraban que este era o lugar onde hoxe había que estar, en defensa dos dereitos humanos e contra a barbarie.
Os manifestantes, entre os que había tamén representantes de formacións como o BNG ou o PSOE, cargaron tamén contra a organización da Vuelta a España por permitir a participación do equipo israelí. Entenden que a vara de medir é distinta para este país, ao que se lle permiten cousas que a outros non, como a Rusia no seu día, sendo expulsada de eventos culturais e competicións deportivas. Cren que nesta ocasión o que se está a facer é un branqueamento dun país que, entenden, non debería poder participar en probas como a Vuelta.
E este era o momento no que chegaba á Ponte da Barca o pelotón, custodiado por un amplísimo despregamento da Garda Civil. Axentes a pé, en coche, en moto e mesmo desde o aire para garantir a celebración desta etapa.
Ruído enxordecedor no momento do paso dos ciclistas. Unha imaxe que finalmente se acabou producindo a pesar dos chamamentos a separar o deporte do resto, como facía nas últimas horas o presidente da Deputación de Pontevedra, a través das súas redes sociais, para non marchar a imaxe das Rías Baixas. Declaracións que hoxe tamén se criticaban aquí.
Malia o ruxe ruxe que había na Barca de intentar cortar a ponte, finalmente o paso dos ciclistas foi rápido e sen ningún atranco. Minutos despois, o pelotón chegaba a este outro punto, na rotonda da rúa Manuel del Palacio, xa en Pontevedra, onde se repetían as consignas, nunha protesta á que tamén se sumou o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores.











