Pontevedra> A colonia felina controlada da Horta do Cura, no centro de Pontevedra, atópase nunha situación preocupante. As obras que se están a realizar nun inmoble próximo poñen en risco ós animais. A asociación Difusión Felina reclama axuda por parte do concello, xa que non poden asumir a reubicación dos gatos, que sería, a curto prazo, a solución para a colonia afectada.
A colonia de gatos da Horta do Cura é unha das máis antigas da cidade. As obras que se están a realizar na súa contorna poñen agora en risco ós máis de 20 animais que a compoñen.
Dende a asociación Difusión Felina lembran que, como entidade pequena e formada por xente moi nova, non poden dar solución ó problema.
Solicitan axuda por parte do Concello para o desenvolvemento de campañas de adopción, esterilización e sensibilización, así como para as melloras e supervisión das colonias controladas.
Edís do PSOE e do Partido Popular sumáronse á petición, reclamando que o goberno municipal tome medidas urxentes ante a situación na que se atopan os gatos da colonia controlada da Horta do Cura.