Homenaxe a Maite Méndez e á Orquestra Sinfónica nos Premios Cidade de Pontevedra 2022

PONTEVEDRA> Hoxe, 20 de xaneiro é o Día de San Sebastián, patrón da cidade de Pontevedra. Unha xornada que o concello celebra coa entrega dos Premios Cidade de Pontevedra, que cada edición recoñecen a importancia para a sociedade pontevedresa dunha persoa xurídica e doutra física. No 2022 o xurado decidiu premiar a traxectoria da Orquestra Sinfónica e da adestradora do Club Baloncesto Arxil Maite Méndez.

Como cada 20 de xaneiro, Pontevedra celebrou o seu tradicional pleno de honra para facer entrega dos Premios Cidade de Pontevedra. Uns recoñecementos cos que se busca recoñecer o papel dos que, como explicou o alcalde, deixan pegada no municipio.

Este ano, na categoría de persoa física o xurado votou por unanimidade a candidatura de María Teresa Méndez, Maite Méndez, adestradora do Club Baloncesto Arxil. Ademais de poñer en valor a traxectoria dun equipo que comezou a andaina hai 38 anos, reclamou máis apoios para o deporte feminino.

A Orquestra Sinfónica de Pontevedra foi a escollida na categoría de persoa xurídica, tamén co apoio de todos os membros do xurado. A entidade traballa dende o 2006 para fomentar a música tendo sempre en conta a perspectiva de xénero.

O acto central do Día de San Sebastián, patrón de Pontevedra, rematou co himno galego interpretado polo grupo Gaiteiros das Rías Baixas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí