A Deputación subvencionará con 1.726.000 euros aos concellos adheridos ao Plan Revitaliza

PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra aprobará mañá en Xunta de Goberno as subvencións para os Concellos ao abeiro do Plan Revitaliza. As axudas, valoradas en 1.726.000 euros irán destinadas á compra de material para o correcto funcionamento do plan de residuos. Nesta convocatoria incorpóranse á primeira fase municipios como Poio, Cerdedo-Cotobade ou A Guarda, e á segunda fase outros como Bueu, Cangas ou A Illa de Arousa.

Co obxectivo de consolidar o Plan Revitaliza en toda a provincia, a Deputación de Pontevedra aprobará mañá en Xunta de Goberno as axudas para os concellos adheridos ao plan de residuos.

Dos 42 concellos adheridos ao Plan Revitaliza, 14 están xa na segunda fase. A concesión que mañá aprobará a institución provincial, valorada en 1.726.000, irá destinada a estes municipios, aos que están intentando implantar a compostaxe como base de todo o tratamento de residuos. Destes concellos soamente quedarán fora Bueu, Cangas, Moaña e Ponteareas.

O Grove, Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves e Vilaboa recibirán a esta achega co obxectivo de continuar co sistema de tratamento de residuos e estendelo por todo o concello. Outros municipios como A Illa de Arousa, Poio, Tomiño e Valga porán en marcha o Plan Revitaliza dende cero.

O prazo de execución de todas estas actuacións rematará o 31 de decembro de 2020. Data na que todos os concellos deberán separar e reciclar o 50% dos residuos municipais. O vicepresidente da Deputación está convencido de que todos chegarán a tempo.

Coa intención de que todos os concellos da provincia se incorporen ao Revitaliza e cumpran coa normativa europea, a Deputación manterá xuntanzas con todos os municipios e abrirá un novo prazo de adhesión ao plan provincial de residuos.