Pontevedra> A actividade festiva e cultural en Pontevedra vai máis alá das Festas da Peregrina. Esta mañá presentáronse as propostas no que a teatro se refire para o último trimestre do ano. Os espectadores poderán escoller entre un total de 11 espectáculos, que se repartirán entre o Teatro Principal e o Pazo da Cultura.
Ponteatro, no Teatro Principal, e a Tempada de Teatro, no Pazo da Cultura, son as dúas propostas de artes escénicas para os meses de outubro, novembro e decembro en Pontevedra.
Ponteatro contará con 4 funcións os xoves 4 e 18 de outubro, 15 de novembro e 20 de decembro, ás nove da noite; e 2 funcións de venres golfos, ás 23:59 h, o 26 de outubro e o 2 de novembro. Entre as obras, fundamentalmente galegas, destacan “Elisa e Marcela”, que repite por ter sido un éxito en pases anteriores, e “Invisibles”, que centrou o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres no 2017.
A través dun xogo coa imaxe do cartel, os afeccionados ó teatro poderanse facer con entradas gratuítas.
En canto á Tempada de teatro, o Pazo da Cultura acollerá unha obra para adultos, “Burundanga”, e catro funcións para público familiar, que incluirán teatro, coas obras “El apartamento” e “La gallina de los huevos de oro”; danza, co espectáculo Akari; e circo, co espectáculo Pistacatro.
As entradas poderanse adquirir a través da plataforma ticketea, na billeteira central na Casa da Luz, ou nas billeteiras do teatro e do pazo o mesmo día do espectáculo.