Mosquera atalla as polémicas: os pivotes da rúa Peregrina quedan, de momento, e o Peprica non se toca

PONTEVEDRA> Os pivotes da rúa Peregrina quedan polo de momento e o Peprica non se toca. Deste xeito pretende zanxar o concelleiro do BNG César Mosquera dúas das polémicas que estes días ten sobre a mesa o concello de Pontevedra. Mosquera apunta que os pivotes están a cumprir a súa función, que era non permitir o paso de vehículos por esta zona estritamente peonil. En canto ao Peprica, asegura que a moción aprobada onte no pleno por PP e PSOE non é máis que un posicionamento destes dous partidos, que non afecta ás decisións do goberno local.

As protestas dos sindicatos de Policía Nacional e dos bombeiros non mudan a decisión do concello de Pontevedra. Os pivotes da rúa Peregrina manteranse, alomenos, durante todo o verán.

Segundo Mosquera, os pivotes están a cumprir unha dobre función: garantir a seguridade dos peóns e impedir o tráfico de paso nunha zona, dixo, estritamente peonil. O edil cifrou entre os 300 e os 500 vehículos diarios os que atravesaban esta rúa, e desbotou o informe técnico elaborado pola Policía Nacional sobre o impacto destes elementos no seu labor.

Tamén quixo zanxar o concelleiro nacionalista a outra polémica que o goberno local ten sobre a mesa estes días. César Mosquera asegurou que non se vai modificar o Plan Especial de Protección do Casco Histórico, o Peprica, a pesares de que onte PP e PSOE aprobaran en pleno unha moción para facelo.

Mosquera insistiu en que un cambio nesta normativa sería inviable e suporía, dixo, un retroceso enorme no casco histórico pontevedrés.