Rexeitamento unánime en Noia á autorización de vertidos das minas de San Finx

NOIA> Os tres grupos da oposición solicitantes do pleno extraordinario PSOE, A Marea e BNG afeáronlle ó alcalde a tardanza na convocatoria da sesión, esgotando os prazos para a presentación do recurso de alzada en contra da resolución de Augas de Galicia, como tamén o feito de que o argumentario exposto, coincidise, en boa medida, co presentado pola propia Confraría.

No pleno aprobouse, entre outros acordos, instar á Xunta a que recoñeza a nulidade da autorización de vertido, a solicitude de suspensión cautelar da dita resolución, e que no caso de ser desestimada, se vaia ó contencioso administrativo.

Ante esta posibilidade os tres grupos decidiron presentar unha emenda á proposta, para que o Concello contratase un equipo xurídico propio na defensa dos intereses do municipio, ó poñerse en serio risco un dos seus principais motores económicos, como é a Ría.

Neste sentido, os voceiros dos tres grupos criticaron a actitude do rexedor por defender os intereses do Partido Popular por riba dos da propia veciñanza.

Nunha argumentación semellante se posicionou o socio de goberno dos populares. Dende Noieses Independentes Agrupados criticouse a postura da Xunta neste asunto.

O alcalde, Santiago Freire, aludiu ó interese dalgunha formación en querer aproveitar este asunto para sacar un rédito electoral, coa vista posta xa, nas vindeiras eleccións municipais, asegurando que sempre velou e velará polos intereses dos veciños do municipio.

A sesión extraordinaria celebrada esta mañá en Noia espertou un gran interese, especialmente no sector marisqueiro, que ateigou o salón de plenos.

Moitos dos que non puideron entrar no salón de plenos, totalmente ateigado para a ocasión, concentráronse ás portas da casa consistorial, mostrando, con pancartas, a súa oposición á autorización  de vertidos das minas de San Finx por parte da Xunta.

Por momentos, no pleno, vivíronse tamén momentos de tensión, con algunha que outra chamada de atención do alcalde ó público presente, para que comportara e non interrompira o correcto desenvolvemento da sesión.

Ó final, unha vez rematada a votación do acordo, o rexedor abríu unha rolda de intervencións, momento que aproveitaron para mostrar o seu enérxico rexeitamento á reapertura da mina, ante o grave risco que isto conlevaría.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí