NOIA> O Concello está a levar a cabo estes días, coa axuda de Cruz Vermella, o reparto de máscaras reutilizables entre tódolos nenos do municipio. A iniciativa xurdiu de xeito conxunto co grupo Iniciativa Solidaria Noia que tamén está a colaborar na confección doutras prendas de protección para o Hospital Clínico de Santiago.
O permiso emitido hai uns días polo Goberno Central para a saída á rúa dos menores de catorce anos, foi unha das principais razóns que levou ó Concello en colaboración co grupo Iniciativa Solidaria Noia a iniciar este reparto de máscaras coa que se busca aumentar a protección e seguridade dos cativos durante os seus paseos polas rúas.
O Concello dispón de máscaras suficientes para toda a poboación infantil do municipio que irán distribuíndo polas distintas zonas do Concello nos próximos días.
Segundo a concelleira, a resposta das familias é do máis positiva, xa que se atopan con grandes dificultades á hora de adquirir este tipo de produtos adaptables para os seus fillos.
Dende o concello anunciaron que nos próximos días chegarán tamén outras dez mil máscaras cuxa compra se acordou na Xunta Municipal de Seguimento do COVID19 e que se distribuirán entre a poboación adulta tamén por tódolos domicilios.