O PP acusa ó goberno local de “falta de previsión e diálogo” en eventos coma o Triatlón

Pontevedra> O Partido Popular de Pontevedra presentou esta mañá a súa análise da repercusión na cidade do Campionato de España de Triatlón celebrado a pasada fin de semana. Segundo os populares, a falta de previsión e diálogo por parte do goberno local causaron prexuízos a veciños e comercio local.

Segundo o grupo popular, os cortes de tráfico establecidos na Boa Vila durante a celebración das probas de Triatlón prexudicaron tanto a veciños coma a comerciantes.

Estes problemas teríanse minimizado, segundo afirman, con diálogo e previsión, falando cos afectados previamente e informando das alternativas para o tráfico rodado.

Coma posibles solucións a estes problemas apuntan a habilitación de espazos de carga e descarga ou darlle prioridade ós veciños afectados nos aparcamentos disuasorios.

Os populares piden ó goberno local que teña en conta esta experiencia para o vindeiro ano, no que se celebrará o mundial de Triatlón, e que non deixen de falar cos colectivos afectados.