O BNG centrarase na Ría de Pontevedra e na rede viaria de cara ao inicio do curso político

Pontevedra.  A ría de Pontevedra e a rede viaria autonómica marcarán as prioridades do BNG, nesta provincia,  de cara ao inicio do curso político no Parlamento Galego. Luís Bará presentou hoxe as iniciativas que nesta materia levarán ao hemiciclo galego, entre elas está esixir ao Goberno Central a aprobación inmediata da caducidade da concesión da fábrica Elnosa.

Luís Bará anunciou hoxe en rolda de prensa os temas e prioridades que marcarán o calendario político do BNG de cara ao inicio do curso político. Un calendario que estará marcado, en Pontevedra, pola Ría e pola rede viaria. En primeiro termo dende o BNG esixirán do Goberno Central a aprobación da caducidade de Elnosa.

En relación a ENCE tamén pedirán que se elimine a prórroga concedida polo partido popular e a non tramitación do proxecto sectorial. A dragaxe da ría de Pontevedra tamén será un dos asuntos principais na axenda dos nacionalistas.

E rede viaria da provincia tamén estará moi presente nese calendario de prioridades coa mellora integral e a seguridade na rede de estradas da Xunta, actuación onde en todas elas se lle de prioridade aos peóns e ciclistas.

Dende as filas do BNG no hemiciclo galego seguirán loitando, dixo esta mañá Bará, por estes temas por moitos outros como o deterioro da sanidade pública.