Unha familia de Barro leva un mes cun poste de Telefónica pegado á casa a piques de caer

BARRO>  Unha familia da Portela, en Barro, leva un mes denunciando que teñen ao lado da casa un poste que está a piques de caer. Chamaron ao 112, á Garda Civil, ao Concello e á Deputación, pero ninguén lles axuda. Tamén intentaron unha e outra vez que Telefónica atenda esta incidencia. Polo de agora non tiveron sorte e din estar fartos de que cando chaman os atenda unha gravación. En protesta por esta pésima atención por parte da compañía espetaron un espantallo na beirarrúa simulando unha persoa da oficina virtual de Movistar.

Dende hai un mes, logo do paso do temporal Herminia, este poste ameaza con virse abaixo. Está situado dentro da propiedade dunha familia da Portela, en Curro. Daquela os cables xa lle danaron parte do tellado da casa, pero a cousa podería acabar en desgraza se finalmente acaba caendo sobre a estrada. Levan un mes intentando que alguén lles faga caso, sen éxito.

Coa denuncia xa presentada José Manuel leva un mes intentando que Telefónica, a quen pertence o poste, atenda a incidencia. Unha misión que está sendo toda unha odisea, con gravacións, mensaxes ao móbil e operadores virtuais que non resolven nada.

Por aquí só pasou un técnico dunha subcontrata que, denuncia José Manuel, veu facer un paripé.

 A modo de protesta pola pésima atención que están a recibir, José Manuel creou esta particular oficina de Movistar con Petter, que é o nome dun dos operadores virtuais co que ten que lidiar por mensaxe.

A familia advirte que isto pode acabar de forma tráxica.

E agora, fartos, aseguran que non lles van permitir manter este poste dentro propiedade.

Confían en que o feito de saír nos medios sirva para que Telefónica tome medidas, pero non descartan outras formas de presión. Mesmo valoran facer unha protesta na estrada, cortando o tráfico para que lles fagan caso.