Respaldo social á proposta europea de suprimir o cambio horario

BARBANZA> A rutina de atrasar ou adiantar o reloxo cada medio ano ten os días contados. Trala consulta pública realizada en toda Europa, cun abrumador resultado do oitenta por cento a favor de suprimir o cambio horario, a Comisión Europea vén de darlle luz verde. A medida implantouse en España a finais dos setenta co obxectivo de favorecer o aforro enerxético. Sen embargo, catro décadas despois tense constatado que o aforro é mínimo fronte ós prexuízos para a saúde que conleva este cambio cun forte impacto nos nosos biorritmos. Numerosos estudos confirman que o estrés e cansancio que se produce nos primeiros días tralo cambio de hora repercute nunha maior sinistralidade laboral e menor produtividade. A situación en Galicia difire do resto de España posto que se atopa nun fuso horario distinto co que anoitece máis tarde que no resto da península. Trala proposta da comisión, o cambio terá que ser aprobado polo parlamento europeo e os xefes de estado e goberno. Da burocracia administrativa dependerá se o próximo vinte oito de outubro teremos que adiantar os reloxos ou esquecernos definitivamente deste xesto.