A Feira Franca pecha un calendario festivo de 78 días e 301 actividades en Pontevedra

Pontevedra> Comeza setembro e dende o concello aproveitaron para facer balance da actividade festiva do verán, dende o “Surfing de Lérez”, celebrado en xuño, á Feira Franca, que ateigou as rúas da Boa Vila esta fin de semana.

78 días de actividade continuada e 301 actividades son as cifras das festas de verán de Pontevedra. Dende o concello fixeron un balance positivo de todas elas, tanto en afluencia de público coma no sentir xeral das persoas que participaron das actividades.

Foron 187 as empresas contratadas, un 96% delas de Pontevedra, e para a organización dos eventos colaborouse con asociacións e colectivos da cidade.

Sobre a Feira Franca, que este ano tivo desfiles novidosos e estivo acompañada polo bo tempo, destacouse que é unha festa familiar, e anunciouse un esforzo especial para o ano que ven, no que se celebrará o vinte aniversario.

Carme da Silva lembrou que as festas aínda non remataron, xa que o 15 de setembro será a quenda do Festival do Leite.