Consegue pantallas protectoras para o Hospital Montecelo a través de Facebook

PONTEVEDRA> O coronavirus continúa a deixar importantes iniciativas solidarias en toda a comarca. En Pontevedra, o Servizo de Reanimación do Hospital de Montecelo conseguiu centos de pantallas protectoras grazas a Facebook. Unha enfermeira do departamento decidiu facer unha petición a través desta rede social e, en cuestión de horas, conseguiu o material necesario.

Todo comezou con esta publicación en Facebook. O Servizo de Reanimación do Hospital Montecelo precisaba de pantallas protectoras e esta enfermeira non dubidou en facer un chamamento a través das redes sociais. En cuestión de minutos este post conseguiu centos de reaccións e, en apenas 24 horas, María José García conseguiu todo o material necesario.

O impacto desta publicación foi tal que agora o Servizo de Reanimación de Montecelo distribúe estas pantallas protectoras noutros departamentos e centros.

Se algo bo está a deixar a crise do coronavirus é a solidariedade e, sen dúbida, as redes sociais están a converterse no mellor escenario para espertar o compromiso da sociedade. Un compromiso que sorprendeu a propia María José.

Grazas á colaboración de diferentes voluntarios, o Servizo de Reanimación do Hospital de Montecelo de Pontevedra conta agora co material suficiente para seguir traballando polos demais. Un exemplo de que cada vez son máis as persoas que aportan o seu gran de area para, entre todos, formar unha montaña.