Deputación e Cogami traballarán xuntos pola accesibilidade

PONTEVEDRA> Deputación de Pontevedra e Cogami traballarán da man para facer a provincia máis accesible. O departamento de mobilidade da institución contará coa asociación como asesora nesta materia. Trala reunión mantida hoxe co presidente da entidade Anxo Queiruga, o deputado Uxío Benítez anunciou tamén a convocatoria dunha Mesa provincial pola Accesibilidade. A Deputación de Pontevedra quere facer da accesibilidade unha pedra angular na súa política de mobilidade. Con este obxectivo, veñen de abrir unha liña de colaboración permanente con Cogami, para conseguir o seu asesoramento. Benítez lembrou que a súa prioridade son as persoas, algo que xa está recollido no decálogo que hai un tempo presentou a Deputación, e ao que se axustan todas as súas intervencións. O deputado recoñeceu que en ocasións estes criterios atópanse con reticencias dende os concellos. O presidente de Cogami agradeceu este esforzo dende o goberno provincial. Anxo Queiruga asegurou que a accesibilidade é unha cuestión que debe preocupar a toda a sociedade. Uxío Benítez tamén anunciou a intención da Deputación de convocar unha Mesa Provincial Pola Accesibilidade, na que estarán representantes de asociacións e entidades que poderán expresar ideas e problemáticas. Aínda non hai data para este primeiro encontro.

Comments are closed.