A Mancomunidade reclama á Conselleira a xestión do transporte público

O SALNÉS> A Mancomunidade do Salnés aposta por asumir a xestión do transporte comarcal. O ente trasladou esta proposta á Conselleira de Infraestruturas nun encontro mantido esta mañá. Para os concellos, establecer unha UTE cunha empresa privada sería a medida idónea para solucionar as deficiencias do servizo na zona.

Xestionar o transporte comarcal a través dunha UTE cunha empresa privada. Esta é a proposta que defende a Mancomunidade do Salnés, e que esta mañá trasladou á Conselleira de Infraestruturas nun encontro que mantiveron en Cambados.

Segundo o ente, esta fórmula permitiría solucionar os problemas que ten o servizo nos concellos da comarca. Unha situación que fai que moitos veciños continúen a optar polo coche particular como medio de transporte.

Neste encontro, a Conselleira de Infraestruturas recolleu as propostas da Mancomunidade. Ethel Vázquez comprometeuse a estudalas, e insistiu na importancia do transporte público para facilitar a mobilidade.

A idea da Mancomunidade trasladarase agora a todos os concellos que a integran. Pola súa banda, Vilagarcía asistiu á reunión e lanzou a súa propia proposta: a creación dunha área metropolitana dependente da cidade vilagarciá. Unha posibilidade coa que o presidente comarcal e alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, non está dacordo.