MEIS> 12 de setembro. Chegou o día e os rapaces tiveron que volver ó cole. Equipados coas súas mochilas e con moita ilusión, os alumnos de infantil, primaria e educación especial regresaron hoxe ás aulas. Atrás queda xa un longo verán de moita diversión, praia e amigos. Nós hoxe arrancamos este novo curso no CPI do Mosteiro, en Meis. Polo que nos contan os pequenos, a estas alturas do ano, xa apetecía volver a clase.
Ese clásico de que a volta ó cole está chea de bágoas e de caras longas non vai cos rapaces de Meis. No regreso ás aulas neste CPI do Mosteiro o que non atopamos hoxe foron moitas ganas de volver colle-los libros e reencontrarse con moitos amigos. Nós preguntámoslles que preferían, se quedar na casa ou vir á escola… e a resposta téñena clara.
Pois con esa enerxía arrancaron esta mañá novo curso os alumnos de infantil, primaria e educación especial en toda Galicia. A algún seica lle custou un pouco saír da cama, estirando ata o último momento un verán que xa se lles escapou das mans. Con nostalxia das aventuras vividas explicábannos que non hai nada mellor que estar de vacacións.
Pero, cousas da vida, o bo sempre remata. Así que o mellor que se pode facer é aceptalo con resignación: non queda outra que volver ó cole. Unha nova aventura que comeza para eles e un respiro, en moitos casos para as nais e pais. Moitos recoñecen que lles custou conciliar nenos e traballo.
Neste colexio de Meis estudarán neste curso uns 350 rapaces de primaria e secundaria. A estes últimos aínda lles quedan uns días máis de lecer: o seu curso comezará o vindeiro luns.