O polígono de Nantes xa está listo para recibir empresas

SANXENXO> O polígono de Nantes, en Sanxenxo, xa está listo para comezar a funcionar. Así o anunciou esta mañá o rexedor Telmo Martín. Trece anos despois de que se iniciara a súa construción, as empresas xa poden comezar a presentar os seus proxectos para ocupar as 250 parcelas dispoñibles.

Sanxenxo por fin dá por rematado o polígono de Nantes. Trece anos despois de que se iniciara a súa construción, o alcalde da vila anunciou que o parque empresarial xa está listo para entrar en funcionamento.

A conexión ás redes eléctricas e de saneamento foron os principais problemas que se atopou o parque nos ultimos anos. O concello asinou un convenio con Fenosa polo que se acometerán as conexións das parcelas cando haxa empresas interesadas en asentarse. En canto ao saneamento, Augas de Galicia deu finalmente luz verde á conexión coa depuradora de Dena, en Meaño.

O que destacou Martín é que todos os traballos se realizaron con cargo ao aval de 4 millóns de euros postos inicialmente, polo que os propietarios das parcelas non terán que facer ningunha achega adicional. O rexedor non ocultou a súa satisfacción coa xestión realizada.

Telmo Martín tamén explicou que o seguinte paso será o deseño dun sistema de promoción do parque para captar novas empresas, destacando a ubicación do polígono de Nantes que, segundo o rexedor, é inmellorable.