Ribeira apoia o fútbol feminino con bolsas deportivas ás súas principais referentes

RIBEIRA> O concello de Ribeira reafirma a súa aposta co deporte feminino a través da entrega de bolsas deportivas a catro futbolistas do municipio. Uxía Sampedro, Lucía Mariño, Yaiza García e Laura Santos viron recoñecidos os seus éxitos a través desta recepción brindada polo concello.

As futbolistas Yaíza García Pérez, Lucía Mariño González, Uxía Sampedro Pérez e Laura Santos Rey recibían a pasada tarde as bolsas das que veñen de resultar beneficiarias nunha recepción promovido polo concello de Ribeira.

Dende a administración local pretenden así recoñecer o esforzo destas catro futbolistas, contribuíndo con esta achega a impulsar a súa carreira deportiva.

No caso de Uxía Sampedro, a moza ribeirense milita actualmente nas filas do Vitoria na primeira división galega feminina. Yaiza García e Laura Santos son compañeira no Orzán S.D, filial do Deportivo mentres que Lucía Mariño xoga no Deportivo B da terceira federación de fútbol feminino. 

Acompañadas das súas familias, as catro mozas recibiron esta pequena homenaxe que, de seguro, é un incentivo máis para seguir labrándose un futuro no fútbol profesional. Aínda que as catro son moi novas, os seus éxitos deportivos avalan a prometedora carreira que todas teñen por diante.