Lousame cubrirá este mes a praza de Secretaría e Intervención

LOUSAME> O Concello levaba máis de dous anos con esta praza vacante, o que supuxo grandes complicacións administrativas. Finalmente Lousame contará este mes de setembro con novo secretario. Así o confirmou a propia alcaldesa, Teresa Villaverde, no último pleno celebrado pola corporación. Rematarase así cunha situación anómala e complicada que se remonta a hai máis de dous anos, o que supuxo grandes complicacións administrativas para a vida diaria deste Concello. A persoa gañadora do concurso ordinario de méritos convocado pola Dirección Xeral de Administración Local foi Paula Ares, que xa levaba un ano e oito meses ocupando o posto de Secretaría-Intervención en Lousame en réxime de acumulación, non a tempo completo. Esta situación estaba a provocar importantes prexuízos, como o simple feito de poder elaborar os orzamentos municipais, un documento clave para o funcionamento do Concello, e que nestes últimos anos se aprobaron con case dez meses de retraso.